Saturday 18 de May de 2024

Ata o día 26 de maio, para participar nas actividades dirixidas ó alumnado pobrense polo Día das Letras Galegas


Unha parte da programación artellada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal para conmemora-lo Día das Letras Galegas focalízase no eido dos centros educativos do municipio. Se ben esta data se celebra no 17 de maio, a área da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE) organizou unha serie de actividades que se estenden ata finais do presente mes e, entre elas, figuran aquelas dirixidas ós diferentes graos da ensinanza. Trátase de tres iniciativas en que se pode participar ata o día 26 e que suporán o repartimento de numerosos obsequios segundo o rango de idade.

Para o estudantado do instituto pobrense lanzouse unha proposta focalizada no Instagram. Consiste en colgar nesta rede social unha imaxe relacionada con algún poema da homenaxeada acompañada do cancelo (hashtag) #APobraconXela e etiqueta-lo perfil do Concello (gobernodapobra). Entre tódalas persoas participantes repartiranse cadernos conmemorativos desta data e realizarase un sorteo de 10 lotes de aparellos tecnolóxicos conformados por uns auriculares sen fíos e unha batería recargable para dispositivos electrónicos.

No que respecta ó alumnado da primaria, botou a anda-lo xogo-concurso O Pasaporte de Xela, consistente en cubrir un fragmento do poema pertencente ó libro Denuncia do equilibrio. As dez palabras que faltan atoparanse distribuídas en diversos establecementos locais, onde se estampará o selo co vocábulo que lle corresponda. O desafío reside en cubri-lo dito pasaporte e entre a rapazada participante sortearanse 35 lotes de agasallos (un altofalante bluetooth, unha caixa de luz personalizable e unha mochila).

E, para as e os escolares da educación infantil, destínase un xogo de colorear, debuxar ou aplicar calquera tipo de técnica plástica a unha silueta de Xela impresa sobre papel. Establécense varios presentes (unha mochila, un mandil e un estoxo para decorar con pinturas) para cada unha das crianzas participantes.